30/09/2008

literatura e intervención social



pois reclamo: a literatura é un elemento de intervención social? ten capacidade para cambiar as teorías? que vai antes a teoría ou a creación?

xénero blog

a propósito da discusión acerca de se un blog é ou non é un libro, comentaba tati o outro día no encontro de novos escritores de mariñán que deberíamos considerar se un blog pode ser un xénero.

referíase tati aos blogs nos que se xuntan de modo aparentemente anárquico poemas, relatos, reflexións, fotos, etc.

tal e como dixen, este modo de construción literaria xa existía antes dos blogs. hai exemplos coñecidos mesmo en galiza. pero o blog, de algún xeito, multiplica as posibilidades do xénero até facelo case ilimitado (videos, ligazóns, etc).

entendido deste xeito, o blog pode entenderse como un xénero ou, como mínimo, como unha nova versión do vello xénero "caixón de sastre".

con todo, cómpre facer algunhas consideracións adicionais. non teño as ideas demasiado claras, penso que sobre todo isto aínda hai moito debate posíbel, pero vou deixar aquí uns apuntes e xa veremos en que dan.

- ademais dos blogs aos que se refería tati, existen outros que teñen un contido homoxéneo que é máis doado de encaixar nos xéneros de toda a vida: blogs de poemas, blogs de relatos, blogs de video-poemas, etc.

- nestes casos, poderíase equiparar blog a libro? tentar encaixar un blog dentro do vello concepto "libro" é ousado e constrinxe. un libro, tanto no seu formato tradicional de papel canto nos novos formatos electrónicos, adoita ser unha unidade con principio e final e, en xeral, demándaselle unha certa estrutura. un libro debería construírse coa mesma atención coa que se constrúe un poema (non é indiferente a orde dos textos no libro igual que non o é a dos versos no poema). o blog, en cambio, é unha construción en proceso permanente e de crecemento moito máis casual (non podes reordenar o seu contido, por exemplo).

- deberiamos pensar o blog como un construto novo. semellante nalgunhas cousas aos modos coñecidos pero diferente noutras. igual que un relato ten puntos en común co romance e puntos nos que se diferencian.

- por suposto que, ademais, cómpre considerar o blog como un soporte. neste sentido, o blog podería ser o soporte dun libro de formato clásico. pero, para iso, reclamaría unha serie de premeditacións (na estrutura, na intencionalidade) e un formato aprehensíbel (un comezo e un final). en calquera caso, esta é outra discusión.

- dende un punto de vista legal, un blog non é unha obra publicada. non pode rexistrarse de ningunha maneira e non é obxecto da lexislación ao respecto. pero esto non quere dicir nada máis ca iso: a lexislación deberá adaptarse a este novo formato-soporte-xénero porque, tal e como está na lei de propiedade intelectual, o seu contido é obxecto de protección. eludindo o debate sobre a oportunidade social, económica, histórica ou cultural dos dereitos de autor, penso que a lei evolucionará até contemplar dalgún xeito o blog pero isto non ocorrerá mentres os propios estudos da literatura non senten unha serie de criterios de partida.

se se tercia (e sempre que o berto mo reclame), irei posteando sobre cada unha destas cousas. tempo ao tempo.

blog ou libro?