solicita berto que fale deste tema sobre o que, xustamente, estiven reflexionando estes días por iniciativa do amigo
luís filipe cristóvão que me convidaba a participar do próximo encontro de escritores en torres vedras, convite que debín rexeitar por motivos que non veñen ao caso.
a verdade é que, diante do asunto "como inflúe a literatura na sociedade?" a resposta que primeiro me sae é "de ningún xeito".
a literatura, como case todas as artes, pasan, hoxe en día, completamente desapercibidas para a sociedade, entendendo esta como unha unidade. probabelmente poderiamos dicir que, certos ínfimos sectores ou contados membros da sociedade si son permeábeis á influencia da literatura pero non a sociedade como conxunto.
se cadra o cine pode ser a excepción a esta afirmación, sempre que aceptemos entender por arte todo produto cinematográfico, cousa que habería que poñer en dúbida.
a literatura, en todo caso, semella funcionar de modo próximo á sociedade pero non por necesidade desta senón daquela. é como unha formiga a carón dunha vaca. para a formiga a presenza da vaca é relevante e mesmo condiciona os seus movementos. pero para a vaca os movementos da formiga pasan desapercibidos, non se decata da súa existencia.
pregunta berto a continuación se a literatura pode influír nas teorías. aquí a resposta parecería quedar contestada coa afirmación anterior aínda que tampouco non se hai que chamar a engano.
como punto de partida, habería que acoutar o termo "teorías" na pregunta de berto. podemos entender que berto se refire ás "teorías" que configuran o paradigma da literatura. quer dicir: ás teorías da literatura. aínda que tamén podemos entender que se refire á teorización en xeral, á teorización que podemos chamar "pensamento filosófico".
a literatura, como toda forma de arte, evoluciona en función dunha serie de condicionantes internos e externos ao propio sistema. e toda teorización a propósito dun sistema, aceptado que parte dunhas premisas que son externas ao sistema, debería ter como obxectivo unha descrición do mesmo. isto é: a evolución das formas da literatura deberían necesariamente influír na súa teorización.
é esta influencia unha contradición a respecto da afirmación primeira ("a literatura non inflúe na sociedade")? penso que non.
a teoría da literatura é parte do propio sistema literario. a teoría da literatura describe os procesos da literatura pero tamén, dalgún xeito, fai parte dos entes que configuran o canon e, consecuentemente, inflúen nos procesos de produción da literatura non-teórica ou literatura de ficción (aceptados estes termos como imprecisos e discutíbeis pero útiles, neste caso, para diferenciar o ensaio literario do resto de escritas literarias).
xa que logo, a influencia que a literatura ten nas teorías parece quedar restrinxida ás propias teorías da literatura. isto é, a influencia da literatura non trascende o propio sistema literario.
a respecto da teorización "filosófica", á luz da historia a influencia dunhas teorías sobre outras circula na dirección fóra->dentro: o pensamento filosófico inflúe de maneira determinante nas formas de teorización da literatura pero non ao revés.
xa que logo, semella que nin a literatura nin as teorías sobre a literatura teñen influencia (determinante) fóra do sistema literario en si mesmo.
asumido isto (e entendendo "teorías" como "pensamento filosófico") a última pregunta de berto ("que vai antes a teoría ou a creación?") resulta inútil. pero se nos referimos só á relación entre a literatura de ficción e as teorías sobre a literatura, parecería lóxico supoñer que primeiro son as evolucións da literatura de ficción e que, tal e como comentaba no post anterior, estas evolucións son as que deben provocar a modificación das teorías para adaptalas aos novos contextos.
(que é o que provoca a evolución da literatura de ficción é asunto que non se pode abarcar neste post.)
é parecido ao funcionamento normal das gramáticas nas linguas normalizadas: os falantes (e os escritores) van fixando as evolucións da lingua e as gramáticas limítanse a describir usos.
de todos os xeitos, retornando á idea aquela de que, ao ser a teoría literaria unha parte do sistema e, en si mesma, un ente canonizador, pode ocorrer que os seus ditados tamén inflúan nos modos de facer literatura, debemos concluír que a teoría adaptando o paradigma ás evolucións da literatura de ficción é algo así como un romántico mundo perfecto. pero a vida é máis complicada.