05/11/2008

na prensa

camilo franco publica hoxe na voz un artigo sobre a aparición de construcións.

faise eco tamén vieiros.

e a revista dixital a voz de vilalba.

03/11/2008

aquí está

xa está na rúa construcións.



hoxe pódese mercar nas primeiras librarías e, para comezos da semana próxima estará distribuído por todo o país.
comparto convosco a miña alegría.

27/10/2008

igor lugris

igor lugris vén de publicar unha serie de poemas visuais nunha galería de flickr.

recomendo vivamente que visitedes a páxina e leades e miredes. e non só porque eu teña participación, dun xeito ou doutro, nalgúns deses textos ;-)

poesía viva.

(sinto repetir posts... este pagaba a pena poñelo en toda parte)

13/10/2008

literatura e sociedade

solicita berto que fale deste tema sobre o que, xustamente, estiven reflexionando estes días por iniciativa do amigo luís filipe cristóvão que me convidaba a participar do próximo encontro de escritores en torres vedras, convite que debín rexeitar por motivos que non veñen ao caso.

a verdade é que, diante do asunto "como inflúe a literatura na sociedade?" a resposta que primeiro me sae é "de ningún xeito".

a literatura, como case todas as artes, pasan, hoxe en día, completamente desapercibidas para a sociedade, entendendo esta como unha unidade. probabelmente poderiamos dicir que, certos ínfimos sectores ou contados membros da sociedade si son permeábeis á influencia da literatura pero non a sociedade como conxunto.

se cadra o cine pode ser a excepción a esta afirmación, sempre que aceptemos entender por arte todo produto cinematográfico, cousa que habería que poñer en dúbida.

a literatura, en todo caso, semella funcionar de modo próximo á sociedade pero non por necesidade desta senón daquela. é como unha formiga a carón dunha vaca. para a formiga a presenza da vaca é relevante e mesmo condiciona os seus movementos. pero para a vaca os movementos da formiga pasan desapercibidos, non se decata da súa existencia.

pregunta berto a continuación se a literatura pode influír nas teorías. aquí a resposta parecería quedar contestada coa afirmación anterior aínda que tampouco non se hai que chamar a engano.

como punto de partida, habería que acoutar o termo "teorías" na pregunta de berto. podemos entender que berto se refire ás "teorías" que configuran o paradigma da literatura. quer dicir: ás teorías da literatura. aínda que tamén podemos entender que se refire á teorización en xeral, á teorización que podemos chamar "pensamento filosófico".

a literatura, como toda forma de arte, evoluciona en función dunha serie de condicionantes internos e externos ao propio sistema. e toda teorización a propósito dun sistema, aceptado que parte dunhas premisas que son externas ao sistema, debería ter como obxectivo unha descrición do mesmo. isto é: a evolución das formas da literatura deberían necesariamente influír na súa teorización.

é esta influencia unha contradición a respecto da afirmación primeira ("a literatura non inflúe na sociedade")? penso que non.

a teoría da literatura é parte do propio sistema literario. a teoría da literatura describe os procesos da literatura pero tamén, dalgún xeito, fai parte dos entes que configuran o canon e, consecuentemente, inflúen nos procesos de produción da literatura non-teórica ou literatura de ficción (aceptados estes termos como imprecisos e discutíbeis pero útiles, neste caso, para diferenciar o ensaio literario do resto de escritas literarias).

xa que logo, a influencia que a literatura ten nas teorías parece quedar restrinxida ás propias teorías da literatura. isto é, a influencia da literatura non trascende o propio sistema literario.

a respecto da teorización "filosófica", á luz da historia a influencia dunhas teorías sobre outras circula na dirección fóra->dentro: o pensamento filosófico inflúe de maneira determinante nas formas de teorización da literatura pero non ao revés.

xa que logo, semella que nin a literatura nin as teorías sobre a literatura teñen influencia (determinante) fóra do sistema literario en si mesmo.

asumido isto (e entendendo "teorías" como "pensamento filosófico") a última pregunta de berto ("que vai antes a teoría ou a creación?") resulta inútil. pero se nos referimos só á relación entre a literatura de ficción e as teorías sobre a literatura, parecería lóxico supoñer que primeiro son as evolucións da literatura de ficción e que, tal e como comentaba no post anterior, estas evolucións son as que deben provocar a modificación das teorías para adaptalas aos novos contextos.

(que é o que provoca a evolución da literatura de ficción é asunto que non se pode abarcar neste post.)

é parecido ao funcionamento normal das gramáticas nas linguas normalizadas: os falantes (e os escritores) van fixando as evolucións da lingua e as gramáticas limítanse a describir usos.

de todos os xeitos, retornando á idea aquela de que, ao ser a teoría literaria unha parte do sistema e, en si mesma, un ente canonizador, pode ocorrer que os seus ditados tamén inflúan nos modos de facer literatura, debemos concluír que a teoría adaptando o paradigma ás evolucións da literatura de ficción é algo así como un romántico mundo perfecto. pero a vida é máis complicada.

ramiro fonte

nunca sei o que dicir nestes casos, así que mellor só un poema que escribín hai moitos anos a partir duns versos de ramiro fonte

portuario

adiviñas
é certo
a verde estiaxe dos regueiros

chegas puntualmente á cita

cada espertar
cada outono

explicas o retrato dos meus anos

· · · ·

sobre o pasamento de ramiro fonte:

nos blogs

brétemas
lándoa e recunca (e esta referencia a un artigo de pepe cáccamo)
a vella da manta
alfaias
uvas na solaina
o levantador de minas
cabrafanada
ferradura en tránsito
o cartafol de silencios

na prensa dixital

vieiros
la voz de galicia e admais e e
el correo gallego e mais e
europa press
xornal.com
el país e tamén e e
a nosa terra e
público
galicia hoxe e e e e e
faro de vigo
la opinión
abc
la vanguardia
el universal de méxico
A Voz de Vilalba

outras webs
xunta de galicia
na galipedia
praza das letras
ficha de autor en xerais (e bibliografía na editorial) (e no blog da editorial)
ciberdúvidas

30/09/2008

literatura e intervención social



pois reclamo: a literatura é un elemento de intervención social? ten capacidade para cambiar as teorías? que vai antes a teoría ou a creación?

xénero blog

a propósito da discusión acerca de se un blog é ou non é un libro, comentaba tati o outro día no encontro de novos escritores de mariñán que deberíamos considerar se un blog pode ser un xénero.

referíase tati aos blogs nos que se xuntan de modo aparentemente anárquico poemas, relatos, reflexións, fotos, etc.

tal e como dixen, este modo de construción literaria xa existía antes dos blogs. hai exemplos coñecidos mesmo en galiza. pero o blog, de algún xeito, multiplica as posibilidades do xénero até facelo case ilimitado (videos, ligazóns, etc).

entendido deste xeito, o blog pode entenderse como un xénero ou, como mínimo, como unha nova versión do vello xénero "caixón de sastre".

con todo, cómpre facer algunhas consideracións adicionais. non teño as ideas demasiado claras, penso que sobre todo isto aínda hai moito debate posíbel, pero vou deixar aquí uns apuntes e xa veremos en que dan.

- ademais dos blogs aos que se refería tati, existen outros que teñen un contido homoxéneo que é máis doado de encaixar nos xéneros de toda a vida: blogs de poemas, blogs de relatos, blogs de video-poemas, etc.

- nestes casos, poderíase equiparar blog a libro? tentar encaixar un blog dentro do vello concepto "libro" é ousado e constrinxe. un libro, tanto no seu formato tradicional de papel canto nos novos formatos electrónicos, adoita ser unha unidade con principio e final e, en xeral, demándaselle unha certa estrutura. un libro debería construírse coa mesma atención coa que se constrúe un poema (non é indiferente a orde dos textos no libro igual que non o é a dos versos no poema). o blog, en cambio, é unha construción en proceso permanente e de crecemento moito máis casual (non podes reordenar o seu contido, por exemplo).

- deberiamos pensar o blog como un construto novo. semellante nalgunhas cousas aos modos coñecidos pero diferente noutras. igual que un relato ten puntos en común co romance e puntos nos que se diferencian.

- por suposto que, ademais, cómpre considerar o blog como un soporte. neste sentido, o blog podería ser o soporte dun libro de formato clásico. pero, para iso, reclamaría unha serie de premeditacións (na estrutura, na intencionalidade) e un formato aprehensíbel (un comezo e un final). en calquera caso, esta é outra discusión.

- dende un punto de vista legal, un blog non é unha obra publicada. non pode rexistrarse de ningunha maneira e non é obxecto da lexislación ao respecto. pero esto non quere dicir nada máis ca iso: a lexislación deberá adaptarse a este novo formato-soporte-xénero porque, tal e como está na lei de propiedade intelectual, o seu contido é obxecto de protección. eludindo o debate sobre a oportunidade social, económica, histórica ou cultural dos dereitos de autor, penso que a lei evolucionará até contemplar dalgún xeito o blog pero isto non ocorrerá mentres os propios estudos da literatura non senten unha serie de criterios de partida.

se se tercia (e sempre que o berto mo reclame), irei posteando sobre cada unha destas cousas. tempo ao tempo.

blog ou libro?