13/10/2008

literatura e sociedade

solicita berto que fale deste tema sobre o que, xustamente, estiven reflexionando estes días por iniciativa do amigo luís filipe cristóvão que me convidaba a participar do próximo encontro de escritores en torres vedras, convite que debín rexeitar por motivos que non veñen ao caso.

a verdade é que, diante do asunto "como inflúe a literatura na sociedade?" a resposta que primeiro me sae é "de ningún xeito".

a literatura, como case todas as artes, pasan, hoxe en día, completamente desapercibidas para a sociedade, entendendo esta como unha unidade. probabelmente poderiamos dicir que, certos ínfimos sectores ou contados membros da sociedade si son permeábeis á influencia da literatura pero non a sociedade como conxunto.

se cadra o cine pode ser a excepción a esta afirmación, sempre que aceptemos entender por arte todo produto cinematográfico, cousa que habería que poñer en dúbida.

a literatura, en todo caso, semella funcionar de modo próximo á sociedade pero non por necesidade desta senón daquela. é como unha formiga a carón dunha vaca. para a formiga a presenza da vaca é relevante e mesmo condiciona os seus movementos. pero para a vaca os movementos da formiga pasan desapercibidos, non se decata da súa existencia.

pregunta berto a continuación se a literatura pode influír nas teorías. aquí a resposta parecería quedar contestada coa afirmación anterior aínda que tampouco non se hai que chamar a engano.

como punto de partida, habería que acoutar o termo "teorías" na pregunta de berto. podemos entender que berto se refire ás "teorías" que configuran o paradigma da literatura. quer dicir: ás teorías da literatura. aínda que tamén podemos entender que se refire á teorización en xeral, á teorización que podemos chamar "pensamento filosófico".

a literatura, como toda forma de arte, evoluciona en función dunha serie de condicionantes internos e externos ao propio sistema. e toda teorización a propósito dun sistema, aceptado que parte dunhas premisas que son externas ao sistema, debería ter como obxectivo unha descrición do mesmo. isto é: a evolución das formas da literatura deberían necesariamente influír na súa teorización.

é esta influencia unha contradición a respecto da afirmación primeira ("a literatura non inflúe na sociedade")? penso que non.

a teoría da literatura é parte do propio sistema literario. a teoría da literatura describe os procesos da literatura pero tamén, dalgún xeito, fai parte dos entes que configuran o canon e, consecuentemente, inflúen nos procesos de produción da literatura non-teórica ou literatura de ficción (aceptados estes termos como imprecisos e discutíbeis pero útiles, neste caso, para diferenciar o ensaio literario do resto de escritas literarias).

xa que logo, a influencia que a literatura ten nas teorías parece quedar restrinxida ás propias teorías da literatura. isto é, a influencia da literatura non trascende o propio sistema literario.

a respecto da teorización "filosófica", á luz da historia a influencia dunhas teorías sobre outras circula na dirección fóra->dentro: o pensamento filosófico inflúe de maneira determinante nas formas de teorización da literatura pero non ao revés.

xa que logo, semella que nin a literatura nin as teorías sobre a literatura teñen influencia (determinante) fóra do sistema literario en si mesmo.

asumido isto (e entendendo "teorías" como "pensamento filosófico") a última pregunta de berto ("que vai antes a teoría ou a creación?") resulta inútil. pero se nos referimos só á relación entre a literatura de ficción e as teorías sobre a literatura, parecería lóxico supoñer que primeiro son as evolucións da literatura de ficción e que, tal e como comentaba no post anterior, estas evolucións son as que deben provocar a modificación das teorías para adaptalas aos novos contextos.

(que é o que provoca a evolución da literatura de ficción é asunto que non se pode abarcar neste post.)

é parecido ao funcionamento normal das gramáticas nas linguas normalizadas: os falantes (e os escritores) van fixando as evolucións da lingua e as gramáticas limítanse a describir usos.

de todos os xeitos, retornando á idea aquela de que, ao ser a teoría literaria unha parte do sistema e, en si mesma, un ente canonizador, pode ocorrer que os seus ditados tamén inflúan nos modos de facer literatura, debemos concluír que a teoría adaptando o paradigma ás evolucións da literatura de ficción é algo así como un romántico mundo perfecto. pero a vida é máis complicada.

10 comentários:

berto disse...

supoño entón que se non inflúe a literatura na sociedade a próxima vez que pague os impostos podo pedir que me fagan un desconto nos impostos e que o que ían dedicar a cultura mo desgraven,non?

edu disse...

supoño que, si. e tamén supoño que os diñeiros que as administracións se gasta en cultura serían innecesarios se fose doutro xeito.

outra cousa é que eses cartos poidan servir para axudar a soster un sistema de produción de cultura mentres este sistema non acada a súa normalización social.

volvendo aos paralelismos coa lingua: unha lingua non debería precisar o apoio económico dunha administración para a súa supervivencia. pero aceptamos que a nosa si que o precisa mentres non acade a súa normalización social.

que resulta lamentábel? pois si. que che gustaría investir os teus cartos nunha empresa con maiores perspectivas de éxito? xa che digo, e a min!

berto disse...

pois levando un pouco a vista atrás creo lembrar que o quixote ou os lusíadas tamén tiñan algo que ver coa pasta das institucións e non sei a ciencia certa se falamos de literaturas ou línguas "non normalizadas"... teño a lixeira sospeita de que tiña algunha relación do tipo: "necesitamos unha obra que cante as grandes fazañas deste país excelso" e colleron un, e difundirono vía impresa e curiosamente seguen a ser libros de texto... son estudiados nos institutos, por editoriais grandes, con difusión, están en todas as feiras, teñen direitos de autor, bla, bla, bla...

Anônimo disse...

A literatura si inflúe na sociedade. O que pasa é que as artes achegáronse á decoración, á publicidade, ao espectáculo, ao marketing, etc.
polo tanto o tipo de literatura con influenza é a que decora, da espectáculo e vive da publicidade. Podemos dar nomes: Saramago por exemplo, best-sellers varios. En Galicia hai tamén exemplos: Manolo Rivas, Yolanda Castaño, etc.
En definitiva intereses empresariais que crena productos máis ou menos exitoso.
Se non es un producto non es.
(coñecémonos de sobra pero permíteme que sexa anónimo esta vez para que non me manguen unha querella ou algo así).

berto disse...

atento anónimo, estamos agradecidos por non meternos nun lio respecto a opinións tan controvertidas.
deduzo entón que vostede é dos que afirman que un escritor se non fai producto non está influenciado pola sociedade na que vive. polo tanto sería a mesma cousa producir en pleno século XV como agora... a vostede non lle importa a política actual, nin vive con ordenador, nin ten lavadora na casa... deduzo, vamos, asi por deducir... a sociedade non se reflicte na literatura en canto non fagamos productos, non?

berto disse...

no blog tamén admitimos correos para quen non queira expresar as súas opinións de forma non anónima.
non entraremos outra vez na polémica sobre o que é anónimo ou non(bastante documentación hai na rede). incluso se a reflexión resulta interesante podemos propor un tema de debate. iso si, que quede claro desde o inicio que non se valorarán supostas amizades anónimas desde ningún dos administradores(ambos temos mundos e amigos diferentes e comuns).

berto disse...

http://alfaias.blogspot.com/2008/10/elitismo-cultural.html#comments

o anónimo disse...

se cadra non me expliquei ben. a miña reflexión era máis sinxela. hai escritores, artistas en xeral, que crean productos de doada dixestión con un público target determinado e que acadan o éxito independentemente da súa calidade. Outros escriben dende dentro e poden ter éxito ou non.
e todos está influenciados polo seu tempo. a eso non escapa nin dios por moita postura que poidan ter.
Logo o tempo pon as cousas no seu sitio.

berto disse...

ahá...entom vostede ten lavadora...xa me estrañaba a min...
pois concordo plenamente con vostede, anónimo, aínda que edu penso que non... claro que todos estamos influenciados pola sociedade e a literatura non é máis do que unha manifestación artística dela. e o feito de escribir un producto de fácil dixestión tamén... porque todo o mundo algunha vez comeu pizza conxelada ou leu algunha novelucha para pasar o rato na consulta do médico. é inevitábel. o peor desta cuestión non é que se faga esa literatura(penso que é necesaria en toda literatura normalizada). o que me preocupa é que non se poida dicir. o que me preocupa é que nesta literatura todo o que se publica teña que ser bo e fantástico.
de feito últimamente teño tido un ramalazo gore-sado-maso e lido obras de anxos sumai ou solleiro que simplesmente non me gustaron. é ético e profesional comentar e argumentar que non me gustaron ou debo levalo comigo á tumba?

berto disse...

Angueira continuou a súa exposición fixando a función que a literatura debe ter na sociedade criticando a figura do 'intelectual comprometido': "xa cansa (...) a relación do escritor coa realidade non é distinta á de calquera cidadán; o seu principal compromiso é a creación literaria: fala do real, porque non hai literatura sen sociedade, e todos os textos son políticos". E concluíu: "O capital usa o tempo, a literatura loita con el; o tempo é unha cadea pola que os amos se enriquecen; para a literatura é unha ferramenta pola que a literatura desenmascara a realidade".

http://www.vieiros.com/nova/69910/o-capital-usa-o-tempo-para-enriquecerse-a-literatura-desenmascara-con-el-a-realidade