22/03/2009

blogs de literatura

convídame a xente do centro social de conxo, en santiago de compostela, a dar unha conferencia para estudantes sobre o tema "blogs de literatura".

estenderei eu o nome da conferencia engadíndolle un subtítulo: "literatura na rede"

xa que logo, vou postear as liñas xerais do que alí vou dicir. de paso, isto servirá aos alumnos inquedos que asistan á conferencia, para poder seguir por si mesmos os camiños que abrirei durante a charla.

por "blogs de literatura" pódese entender unha diversidade de fauna bastante grande.

empezaremos, logo, por ofrecer unha pequena clasificación (unha das clasificación posíbeis):

1) blogs que falan de literatura
2) blogs e páxinas web de autor
3) blogs-soporte de produción literaria
4) blogs-ferramenta de produción literaria

1) blogs que falan de literatura

dentro desta categoría, atopamos blogs de todo tipo. hainos que funcionan como espazo didáctico para a difusión de literatura ou de coñecementos sobre a literatura e blogs de actualidade literaria.

de entre os primeiros, podemos citar:
- xerais blog e o blog de editorial galaxia: centrados sobre todo no material publicado por cada unha das editoriais
- orella pendella: espazo de difusión da literatura popular (con interese especial na literatura para nenos)
- literactúa: blog do programa de fomento do libro do concello de carballo
- ferradura en tránsito: blog do crítico literario xosé manuel eyré

hai tamén os que eu chamaría "blogs de actualidade literaria": son espazos para a difusión e/ou a reflexión sobre as novas do sistema literario. en xeral teñen ramificacións a outros asuntos de actualidade cultural. algúns destacados:

- brétemas: do director de edicións xerais, manuel bragado
- a canción do náufrago: blog do escritor francisco castro
- cabaret voltaire: un dos primeiros blogs galegos de literatura (aínda que empezou con outro nome). da man de jaureguízar
- o levantador de minas: do crítico e poeta alfredo ferreiro.
- o blog do diario cultural: aínda que non é só blog de literatura senón de toda manifestación cultural en xeral, os contidos literarios son relevantes e de interese.
- lg3: canal de literatura de www.culturagalega.org

e despois hai toda unha variopinta diversidade blogóxica entre os que se encontran, por exemplo, das orixes de marzo (da crítica literaria helena gonzález), lándoa (do poeta, crítico e profesor universitario arturo casas) ou, varrendo para a casa, este mesmo blog ou a páxina www.luagris.net

2) blogs e páxinas web de autor
son estes blogs asociados a un autor que teñen produción literaria pero tamén outro tipo de información sobre o autor que o mantén:

- suso de toro
- xavier queipo web
- acuática de marta dacosta
- marilar aleixandre
- casatlántica de maría lado
- o porto dos escravos de mario regueira
- made in galiza de séchu sende
- rei de copas de xurxo sierra veloso

3) blogs-soporte de produción literaria
estes son blogs adicados a produción literaria. teñen a particularidade de que utilizan a ferramenta como espazo de difusión de textos que conservan as características formais da literatura tradicionalmente publicada en papel.
- dedos como vermes
- andar 21
- biblioteca virtual galega
- o cartafol de silencios
- haicu
- emogramas

4) blogs-ferramenta de produción literaria
estas tamén son bitácoras de produción literaria pero hai algo fundamental que as diferencia das anteriores: o medio non se utiliza só para a difusión do texto senón que o texto adquire novas formas explotando as posibilidades que o paradigma de internet ofrece para a produción de obxectos artísticos complexos. hai varios exemplos pero vou citar só algúns:
- tiñádelo que ver
- ferve a rede: un concurso on line de literatura erótica
- páxinas de maría de mallou (en youtube, en vimeo, en podomatic)
- estibalizes
- gerador de poesía galega de aduaneiros sem fronteiras
- corporación semiótica galega
- as túas balas
- igor lugris (blog e poemas visuais)
e, varrendo para a casa, en construción e esca e pedra

Um comentário:

mariademallou disse...

a ver esas fotos que nos prometeches...onde as están?!